Monday 29 de April de 2024

O Concello pobrense organiza un obradoiro dirixido a mulleres coidadoras de persoas dependentes


Mellora-la calidade de vida das mulleres que exercen de coidadoras de persoas dependentes. Este é o obxectivo do obradoiro Coidando as que coidan que promove a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).

Con esta acción preténdese previr e intervir na sobrecarga xerada por un labor que asumen maioritariamente as mulleres ao longo da historia e que pode acabar repercutindo negativamente na súa calidade de vida e na súa saúde, ademais de influír na calidade dos coidados que exercen.

O obradoiro consta de seis sesións durante as cales se traballará con base nas dificultades e experiencias das mulleres asistentes a través de dinámicas psicoeducativas, teórico-prácticas e participativas.

Impartirase nos días 30 de xaneiro; 6, 13, 20 e 27 de febreiro; e 6 de marzo; en horario de 16.00 a 18.00 horas, nas dependencias dos Servizos Sociais e da Igualdade, fronte á casa consistorial.

Máis información e inscricións de balde no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.